Benvidas ao teatro

 

Benvidas a todas as persoas que queren teatro e cinema nas súas vidas!!

En Ingrávida: espazo de gravitación artística traballamos arreo para presentar a tempada completa de Outubro a Xullo, un traballo de programación intenso do que sentírmonos orgullosas.

Veredes que a programación teatral segue a súa liña máis potente que o teatro contemporáneo onde podedes gozar de compañías amigas como Anómico, Rosa Romero ou Artesa cas súas últimas propostas pero que tamén fixemos novas amizades como Paloma Luxilde, Vanesa Sotelo, Isabelle Stofel, Joana Craveiro ou Alessandra García.

Afianzamos e construimos pontes novas con compañías de Euskadi, Madrid, Asturies, Andalucía e Portugal, onde destaca a mirada fresca e atrevida, ben na dramaturxia, ben na escenificación.

O noso compromiso, que asinamos públicamente ca Asociación pola igualdade de xénero na cultura “Clásicas y Modernas”, renovámolo con ilusión e traballo presentando unha programación onde a creación feminina é protagonista. Deseñamos dous momentos na programación para as familias, un son os Domingos de Decembro onde en sesión de tarde fixemos unha escolma do mellor cinema galego e no último domingo Cáspervek, que sonoriza cinema en directo, preparou unha sesión moi especial para as familas que nos vai facer entender o importante do son no cinema dun xeito rigoroso e moi divertido! O outro tramo na programación son os Domingos de Febreiro onde en sesións matinais destinamos a programación ás crianzas da casa, porque o teatro é a casa de toooda a familia!!

Este ano o cinema dos Domingos está de celebración, creamos a Asociación Cultural Rebobina onde traballaron intensamente para pechar toda a programación de cine que presentan en catro liñas temáticas: as pioneiras do cinema, (Des)igualdades, cinema ambiental, Memoria e as sopresas pertinentes do mes de Maio que adican ao festival de Cine de Cans.

A comunidade Ingrávida medra e se espalla polo universo e boa mostra diso é a nosa nova web, onde aparte de toda a información podedes atopar imaxes destes cinco anos e un proxecto que destapamos nesta tempada pero levamos elaborando os seus contidos xa un tempo, preséntovos a: Radio Ingrávida, un espazo sonoro onde poder deixar pegada das nosas características posfuncións en formato de podcast. Tratade con coidado o que levades nas mans pois está feito con amor e resistencia para cambiar a realidade que vivimos! Vémonos no Teatro!